Aínda que, ás veces, sinto que as palabras foxen de min, deixándome só os seus ecos, opacos ou sonoros e, no entanto sempre fecundos, sigo teimando en partir na súa busca, como unha viaxe á Ítaca das esencias. Para cultivar esa paixón pola arte da palabra, fíxenme, primeiro, filóloga e, logo, tradutora. O de escritora veu despois, como un milagro que confirmo en cada novo libro editado e que testemuña que as paixóns luminosas nunca son inútiles. Este libro que agora tes nas mans naceu como un conto de princesas rebeldes que non buscan a felicidade no matrimonio, como nos contos de fadas, senón na vida mesma, porque comprenden que ese sentimento de benestar que perdura no tempo non é só un instante luminoso nin unha emoción inexpresable que esvaece cando as perdices acedan no padal. Morgana velou por todas elas, nun xeito de sororidade libre e afectiva, amosándolles que a felicidade verdadeira, como unha grande e eterna luz, consiste precisamente en crear un espazo propio, unha zona de liberdade plena, onde poder ser. Despois, chegaron Merlín e o resto das personaxes e o seu diálogo tornouse teatro. A partir de entón, as palabras fluíron coma un río que avanza entre penedos. Se che gusta e quedas con ganas de saber algo máis de min podes lerme en libros como As voces da auga, Doce cartas a María Victoria Moreno, A toupiña cegarata, Chis Chisgarabís, Gombó e a viaxe á lagoa, Gombó e o medo á escuridade, Memoria iluminada, Paisaxes de pan e algún outros títulos máis.